Tuesday 07 de May de 2024

Os cativos, as cores e as Palmas e Ramos, serán os protagonistas deste Domingo de Ramos en Compostela


• A Bendición dos Ramos e Palmas terá lugar ás 11.15 horas na Praza da Quintana e estará presidido polo arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio

• A Procesión da Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén sairá ás 10.45 horas do Campiño de San Francisco e a Confraría da Esperanza ás 18 horas da Igrexa das Ánimas

Neste Domingo de Ramos, as Palmas, as cores amarelas e vermellas e os más cativos serán os protagonistas, acompañando a Xesús na representación da súa entrada en Xerusalén, así como á Virxe da Esperanza.

Pola mañá, ás 10:45 horas, será o turno da Confraría da Entrada Triunfal en Xerusalén; que realizará o seu percorrido procesional ata a Praza da Quintana, lugar no que, ás 11.15 horas terá lugar a Bendición dos Ramos por parte do arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio. Seguidamente, a procesión retomará o seu percorrido de volta ata a sede da confraría ubicada no Campiño de San Francisco.

Xa pola tarde, ás 18 horas, será a Confraría da Esperanza cos seus capuchóns vermellos e cunha gran participación de nenos e nenas, a que sairá da Igrexa das Ánimas para realizar a súa Estación de Penitencia que, este ano 2022, realizará un acto especial á porta da Igrexa das Orfas con motivo do 25 aniversario da Irmandade dos Estudantes.

A Confraría da Entrada Triunfal de Xerusalén foi fundada no ano 1961 por iniciativa de Quiroga Palacios e co beneplácito da Orde Franciscana Segrar, que leva instaurada na nosa cidade dende o 1215. A imaxe da “Borriquita”, un conxunto escultórico, xorde dun bóceto realizado polo irmán Roberto González del Banco, doutor profesor de anatomía e pintor, sendo no ano 1950 o momento no que comezaba a súa execución por Don Antonio Figueiras, aínda que polo alto custo económico, non chegou a saír ata o ano 1953, unha execución realizada por Castor Lata, coa contribución no policromado e pintura de Ángel Rodríguez Moure.

A Confraría da Esperanza, que é unha das Confrarías máis novas da Semana Santa compostelá, foi fundada no ano 2005 e procesiona coa Virxe da Esperanza, talla de Bernardino Mosquera realizada no ano 1877 e restaurada no 2015 por Manuel Rodríguez Rocha.

Percorrido da Procesión da Entrada Triunfal de Xesús en Xerusalén
Campiño de San Francisco – Rúa de San Francisco – Praza do Obradoiro – Rúa de Fonseca – Praza das Praterías – Rúa da Conga – Praza da Quintana (Bendición dos Ramos) – Rúa da Conga – Praza das Praterías – Rúa Fonseca – Praza do Obradoiro – Rúa de San Francisco – Campiño de San Francisco

Percorrido da Procesión da Esperanza
Rúa das Casas – Praza de Cervantes – Rúa do Preguntoiro – Rúa da Caldeirería – Rúa de Tras Salomé – Rúa Nova – Praza do Toural – Rúa das Orfas – Rúa da Caldeirería – Rúa do Preguntoiro – Praza de Cervantes – Rúa das Casas Reais